Encontro do BNG con hostaleiros e empresas turísticas de Cabanas

IMG-20200702-WA0018
Paula González, Iago Varela, Xosé Regueira e María Muíño durante o encontro

As persoas asistentes puxeron en común as súas inquedanzas sobre o sector no contexto do período post-COVID

Encontro do BNG con hostaleiros e empresas turísticas de Cabanas

O BNG de Cabanas organizou onte un encontro con hostaleiros e empresas do sector turístico de Cabanas, para poñer en común as súas inquedanzas sobre o sector no contexto aberto tras a crise da COVID-19.

No encontro, celebrado en Lavandeira, as persoas asistentes expuxeron ao Vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e ao Tenente Alcalde de Cabanas, Iago Varela (ambos con competencias sobre a área de turismo), a súa preocupación pola situación duns sectores que resultaron gravemente afectados polas medidas de seguridade establecidas para loitar contra o coronavirus.

“Cabanas é un municipio no que o peso do sector turístico na economía é particularmente alto, polo que resultan de vital importancia as políticas públicas de turismo, en colaboración co sector turístico e os seus traballadores, que foi o que fixemos nada máis chegar ao goberno o ano pasado”, sinalou o tenente alcalde, Iago Varela.

Neste senso, o Concello de Cabanas, ademais de levar a cabo unha actualización da información turística, aprobou axudas específicas postCovid a través da Área de Promoción Económica, cunha liña de axudas dotada con 40.000 euros destinadas ás persoas autónomas dos sectores que tiveron que parar a súa actividade durante o estado de alarma, e tamén puxo en marcha a campaña “Merca en Cabanas” para promocionar o consumo e comercio local durante todo o que resta de 2020.

Pola súa banda, o Vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, explicou ás persoas presentes as medidas postas en marcha pola Área de Turismo da Deputación para contribuír á recuperación do sector. “Apostamos por potenciar un turismo local, destinado a coñecer a provincia, impulsando novos recursos (coma os xeoparques) e apoiando aos gobernos municipais con axudas específicas para que poidan desenvolver as súas políticas.”

Ambos puxeron de manifesto a importancia na xestión axeitada das políticas públicas de turismo, que ten que ir máis alá dun evento cada varios anos como é o Xacobeo, e incidiron no beneficioso que sería para o sector turístico un cambio de goberno en Galiza o 12 de xullo, cun goberno do BNG que como na Deputación da Coruña e no Concello de Cabanas aposte pola descentralización e a desestacionalización do turismo, facendo que o rendemento económico da actividade turística se reparta mellor e chegue a máis lugares do que até o de agora.

Encontro do BNG con hostaleiros e empresas turísticas de Cabanas