Camiño Inglés: Propomos recuperar o trazado anterior como variante

Camiño Inglés ao seu paso por Cabanas
Camiño Inglés ao seu paso por Cabanas

Coa proposta do BNG os peregrinos disporían de dúas alternativas ao paso do Camiño de Santiago por Cabanas. Tamén exiximos ao Ministerio de Fomento a instalación de sinalización vertical nos cruces do Camiño coa N-651

Camiño Inglés: Propomos recuperar o trazado anterior como variante

Este verán efectivizouse a última modificación do Camiño Inglés ao seu paso polo noso concello, levándoa do trazado previo por Vilar do Colo, Porto e a Madalena a outro pola N-651 e Cabanas. Esta modificación ten sido fortemente contestada pola veciñanza, ao supór unha notábel diminución da seguridade viaria para os peregrinos, que se ven obrigados a cruzar varias veces a estrada N-651 en puntos sen sinalizar.

O BNG apoia á veciñanza na súa solicitude de reverter as modificacións no trazado do Camiño Inglés, mais como consecuencia da obstinación da Xunta, o BNG trasladou ao resto de grupos do Pleno Municipal unha posible alternativa para conseguir recuperar o trazado anterior: a creación dunha variante do Camiño ao paso por Cabanas.

Unha variante non é máis ca un trazado alternativo co que se consegue abrir opcións ás peregrinas para facer un tramo do Camiño por un ou outro lado, todas igualmente válidas. As variantes están presentes en todos os Camiños de Santiago, con exemplos como a variante de Samos, a de Laza – Xinzo ou os dous trazados entre Baleira e Castroverde, entre outros.

Con esta proposta o BNG pretende “reverter a desfeita” do cambio de trazado unilateral levado a cabo por Patrimonio, que, se ben fai que o percorrido sexa máis curto, non é a opción máis acaída na situación actual. “Coa creación da variante, as persoas que fan o Camiño terían dúas alternativas para atravesar Cabanas: unha curta e máis perigosa (trazado en vigor actualmente) e outra máis segura e atractiva (por Porto e a praia da Madalena), que é a que se viña facendo nos últimos anos” explicou Iago Varela, portavoz municipal do BNG,

Como parte desta proposta, o BNG de Cabanas tamén esixiu ao Ministerio de Fomento a “instalación inmediata” de sinalización vertical para advertir dos cruces de peregrinos na estrada N-651, unha estrada de alta sinistralidade na que “as persoas que peregrinan carecen da máis mínima seguridade”.