CAMIÑO INGLÉS

Cae a ponte do Camiño Inglés en Cabanas ao paso dun veciño

Estado da ponte tras caer ao paso dun veciño
Estado da ponte tras caer ao paso dun veciño

Esta fin de semana caeu a ponte do Camiño Inglés en Vilar do Colo ao paso dun veciño, que sufriu mazaduras e contusións de diversa consideración. O BNG levaba máis dun ano alertando da situación precaria da ponte sen que desde o Concello de Cabanas tomasen medidas de prevención.

Cae a ponte do Camiño Inglés en Cabanas ao paso dun veciño

Esta fin de semana colapsou a ponte sobre o trazado alternativo do Camiño Inglés ao seu paso polas inmediacións do polígono de Vilar do Colo, en Cabanas. A ponte caeu ao paso dun veciño, que sufriu mazaduras e contusións de diversa consideración, a causa do seu mal estado de conservación.

O estado precario desta ponte leva sendo denunciado polo BNG de Cabanas desde o ano pasado. A primeira denuncia tivo lugar no pleno de outubro de 2015, mais desde o goberno local non se tivo en consideración. Tras máis dun ano de inacción do goberno de Germán Castrillón, o BNG dirixiuse á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a comezos do mes de novembro deste ano, para alertar da situación e urxir a que se tomasen as medidas oportunas para solucionar o estado da ponte. Finalmente, esta fin de semana, a ponte caeu, sen que nin concello nin Patrimonio chegasen a actuar.

“Este accidente demostra a falta de responsabilidade de Germán Castrillón e o seu equipo, que saben deste problema desde hai máis dun ano, e non fixeron nada” sinalou o voceiro municipal do BNG, Iago Varela. “É unha mostra máis da incapacidade do PP para solucionar os problemas do concello e da veciñanza de Cabanas”.

O portavoz do Bloque tamén informou de que a organización nacionalista rexistrou unha iniciativa para “solicitar que se adopten inmediatamente medidas de prevención para evitar o paso de persoas polo lugar e novos accidentes, así como que se inicien os traballos de reposición da ponte coa maior brevidade posíbel”.