Cabanas tomará medidas de prevención da drogodependencia malia a oposición do Partido Popular

Cabanas tomará medidas de prevención da drogodependencia malia a oposición do Partido Popular

 

pleno febreiro 2016O Concello de Cabanas tomará medidas en materia de prevención da drogodependencia e de outras condutas adictivas grazas a unha iniciativa do Bloque Nacionalista Galego que contou co voto favorábel de toda oposición. Porén, o Partido Popular – que goberna o municipio en minoría – votou en contra da proposta, unha posición que desde o BNG consideran “totalmente inxustificábel”, pois “quere obviar a existencia dun problema facendo como se xa estivese resolto”.

 

 

A proposta do BNG afonda na necesidade de establecer acordos de colaboración coas entidades que traballan coas persoas afectadas pola drogodependencia, potenciando a realización de actividades encamiñadas a fomentar factores de protección fronte ao consumo de drogas e modificar ou eliminar os factores de risco.

 

 

“É indispensábel que o Concello colabore co profesorado do CEIP Eladia Mariño e as súas ANPAS para organizar actividades orientadas a promover a adopción de estilos de vida saudábeis entre as máis novas”, sinalou Iago Varela, voceiro municipal do BNG en Cabanas. Varela considera que esta colaboración debe servir tamén para que as menores de Cabanas “sexan quen de desenvolver unha capacidade crítica e reflexiva sobre as dependencias”. “Non entendemos como o PP pode estar en contra dalgo tan claramente positivo”, sentenciou.

 

 

O concelleiro do BNG en Cabanas reuniuse a semana pasada co persoal técnico de ASFEDRO para informarse da situación da drogodependencia en Cabanas e as labores que esta entidade realiza tanto na prevención como na asistencia ás persoas que a padecen.