Cabanas exixe a transferencia da AP9 e a gratuidade do tramo Fene – Miño a iniciativa do BNG

Iago Varela, no centro, na caravana contra as peaxes da AP-9
Iago Varela, no centro, na caravana contra as peaxes da AP-9

A proposta do BNG recibiu o apoio unánime de todo o pleno da corporación. O pleno tamén aprobou por unanimidade a proposta do BNG de crear unha taxa polo aproveitamento do dominio público local por parte das empresas de transporte de enerxía

Cabanas exixe a transferencia da AP9 e a gratuidade do tramo Fene – Miño a iniciativa do BNG

Na última sesión ordinaria do pleno do Concello de Cabanas, celebrada este mércores día 25, aprobouse, co voto favorábel de todos os grupos, unha proposta do BNG que solicita a transferencia a Galiza da autoestrada AP-9. Ademais, no texto acordado, o Concello de Cabanas solicita tamén a gratuidade dos tramos Fene – Cabanas e Cabanas – Miño.

A AP-9, malia o seu carácter vertebrador, conectando cinco das sete cidades galegas, continúa a depender do Goberno Central. É este goberno o que impón que estea explotada por unha concesionaria que non cumpre cos seus compromisos de conservación ao tempo que impón peaxes desorbitadas, limitando o acceso a esta vía ás persoas con menos recursos e lastrando o desenvolvemento da nosa economía.

“No caso da nosa comarca, a situación é especialmente agraviante, xa que ás deficiencias de conservación e ás peaxes abusivas, únese que a concesionaria empregou a finalización da autoestrada até Ferrol como pretexto para conseguir a extensión da concesión até 2048” sinalou Iago Varela, voceiro municipal do BNG. “Para corrixir esta situación é necesaria a transferencia da autoestrada, como primeiro paso para recuperar a súa xestión pública e facela definitivamente gratuíta”.

Varela tamén acusou á concesionaria de ”condenar a Cabanas a problemas de tráfico continuados” facendo referencia ás frecuentes retencións que se producen na Ponte de Pedra, única vía libre de peaxe que une Cabanas con Pontedeume. “Estas retencións solucionaríanse co levantamento das peaxes Fene – Cabanas e Cabanas – Miño, tal e como aprobou o pleno por unanimidade”, apuntou.

Nova taxa polo aproveitamento do dominio público local polas empresas de transporte de enerxía eléctrica, gas e hidrocarburos

O Pleno de Cabanas tamén aprobou por unanimidade unha proposta para iniciar os estudos e xestións necesarias para a tramitación e aprobación, a través da correspondente ordenanza fiscal reguladora, dunha taxa pola utilización ou aproveitamento do dominio público local polas empresas titulares de instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas ou hidrocarburos, seguindo as sentenzas do Tribunal Supremo que así o avalan.

Esta proposta foi presentada en termos moi semellantes tanto polo BNG como polo concelleiro de PPDdG, mais, a pesar das reiteradas propostas do BNG para chegar a unha proposta de consenso, especialmente dadas as similitudes nos acordos propostos, o señor Sardiña negouse a chegar a ningún tipo de acordo para ter un texto único. Dada a obstinación que tiña o voceiro de PPDdG en votar o seu texto, desde o BNG accedemos a que o texto finalmente aprobado fose realizado formalmente sobre o texto base de PPDdG, modificándoo de acordo coas peticións do goberno local, aínda que o mesmo se podería ter feito a partir do do BNG, xa que eran moi semellantes.