O BNG rexeita os Orzamentos de Cabanas para o 2016 por ser “nocivos e radicalmente antisociais"

O BNG rexeita os Orzamentos de Cabanas para o 2016 por ser “nocivos e radicalmente antisociais"

iago varela pleno xaneiro 2016

 

No pleno ordinario celebrado onte no Concello de Cabanas o BNG amosou o seu “total rexeitamento” aos Orzamentos para o 2016 presentados polo Goberno Municipal (PP), por consideralos “nocivos para a veciñanza de Cabanas e radicalmente antisociais”. Porén, os presupostos saíron adiante grazas ao apoio de AEC e a abstención do PSOE.

 

 

A formación nacionalista denuncia que non se contou coa oposición para a elaboración dos Orzamentos e que a previsión de ingresos é “claramente irreal”, o que suporá ter que facer moitos modificativos ao longo do ano.

 

 

 

 

Os Orzamentos só consignan 2.100€ para axudar ás familias máis necesitadas

 

 

 

 

Porén, é no capítulo de gastos onde o BNG ten as maiores discrepancias. “Os Orzamentos deixan sen dotación os postos vacantes do Concello, polo que non van sen cubertos, ao tempo que reservan 17.000 € para que o Alcalde volva contratar a dedo un asesor”, denunciou o voceiro municipal da formación, Iago Varela, quen asegurou que “eses 17.000 euros xa teñen nome e apelidos”.

 

 

No BNG tamén consideran “totalmente inaceptábel” que só se consigne un total de 2.100€ para axudas ás familias máis necesitadas (100€ para a bonificación do recibo da auga e 2.000€ para outros gastos) e 2.000€ para axudas ao estudo, fronte os 30.000€ para gastos de asesoría xurídica externa ou 15.000€ para as viaxes gratuítas en barco para os turistas que o Concello leva a cabo polo Eume.

 

 

“O Concello non pode lavar a súa imaxe paseando turistas con fondos públicos cando hai familias que non chegan a fin de mes e teñen que recorrer ás parroquias pedir axuda” criticou Varela, quen afirmou que “o apoio de AEC e a abstención do PSOE convérteos en cómplices dos Orzamentos máis antisociais que tivo Cabanas na súa historia”