O BNG planta ao Conselleiro de Sanidade na súa visita a Cabanas

centro saude cabanas
centro saude cabanas

A visita do conselleiro Jesús Vázquez é outro acto da campaña de promoción do candidato do Partido Popular de Narón

O BNG planta ao Conselleiro de Sanidade na súa visita a Cabanas

O portavoz municipal do BNG en Cabanas, Iago Varela, plantou hoxe ao Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, durante a súa visita ao Concello de Cabanas por considerar que se trata de “outro acto máis da campaña de promoción do candidato do PP á alcaldía de Narón”.

Desde o BNG denuncian que “durante os últimos nove anos o Partido Popular impulsou todo tipo de medidas que afondaron no desmantelamento da sanidade pública galega”, e lembran os recortes orzamentarios, as reducións de persoal, as máis de 700 camas eliminadas nos hospitais do SERGAS e a derivación masiva de doentes a centros  privados.

Cabanas é un dos concellos afectados polos recortes do Partido Popular en materia de sanidade. Así, as recentes obras no Centro de Saúde foron retrasadas até facelas coincidir co ano electoral, "despois de anos durante os cales os problemas continuados de humidade foron ignorados pola Consellaría responsábel unha e outra vez”. Ademais, tamén sofre os problemas do PAC de Pontedeume, que lle presta servizo. “A situación é especialmente crítica durante o verán, cando a pesar do incremento de poboación nos concellos aos que atende non se ve reforzado o servizo”, denuncia Varela.

Por iso, desde o BNG de Cabanas animan á veciñanza a participar “de forma masiva” na manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública” que terá lugar o domingo 10 de febreiro ás 12h en Compostela. 

 

O BNG planta ao Conselleiro de Sanidade na súa visita a Cabanas