O BNG pide a declaración de Cabanas concello dispoñíbel para acoller refuxiados da guerra de Siria

O BNG pide a declaración de Cabanas concello dispoñíbel para acoller refuxiados da guerra de Siria

 

refuxiados siriosO BNG de Cabanas vén de rexistrar unha moción que someterán a debate e aprobación no vindeiro pleno da Corporación para declarar Cabanas como concello aberto á acollida de refuxiados de guerra.

 

 

Ademais, no texto, o Bloque solicita a realización dun estudo pormenorizado para avaliar as capacidades de acollida de refuxiados que ten o concello de Cabanas, así como a elaboración dun plano de integración no que se inclúan recomendacións de como garantir os dereitos destas persoas e os recursos a consignar nos presupostos municipais para a súa posta en marcha.

 

 

Segundo o concelleiro do BNG na localidade, Iago Varela, “Cabanas é un concello coñecido pola súa apertura cara aos visitantes, e pensamos que temos que honrar esa tradición de hospitalidade declarando a dispoñibilidade do concello a acoller persoas que foxen de conflitos e precisan iniciar unha nova vida”. Lembran ademais que o concello dispón de “instalacións infrautilizadas que poden ser adaptadas como vivendas de emerxencia”, algo que o BNG levaba no seu programa electoral.

 

 

---

 

 

Anexo: Acordos propostos na "Moción para a declaración de dispoñibilidade e avaliación de capacidade de acollida de refuxiados da guerra siria en Cabanas" rexistrada polo BNG.

 

 

1.- Declarar Cabanas como concello aberto á acollida de refuxiados.

 

 

2.- Realizar un estudo pormenorizado da capacidade de acollida de refuxiados de guerra no concello de Cabanas, co fin de trasladar estas cifras á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado.

 

 

3.- Estudar as adaptacións necesarias nas antigas escolas unitarias do concello e / ou outras instalacións municipais para o seu uso como vivendas de acollida.

 

 

4.- Realizar un plano de integración de refuxiados de guerra no que se inclúan recomendacións de como garantir os seus dereitos, así como os accesos ao sistema sanitario e educativo para as familias e propostas para a integración laboral e cultural. Este plano calculará ademais os recursos que se consignarán nos presupostos municipais e o financiamento que outras institución deben aportar para a súa posta en marcha.