PECHE DE MOTORKAR

O BNG leva a situación das persoas afectadas por Motorkar ao Parlamento Galego

afectados opel cabanas
Afectados polo peche de Motorkar (cedida)

A empresa pechou adebedando varios meses de salario aos empregados e sen entregar coches xa pagados á clientela

O BNG leva a situación das persoas afectadas por Motorkar ao Parlamento Galego

O BNG de Cabanas continúa coa ofensiva institucional para lograr unha solución satisfactoria ao conflito de Motorkar, concesionario oficial de Opel para a zona de Ferrolterra, Eume e Ortegal, con instalacións nos concellos de Ferrol e Cabanas.

Despois de coñecerse publicamente a intención da compañía Motorkar de cesar a súa actividade e presentar un concurso de acreedores; así como a situación das 40 persoas que adiantaron cartos para a compra de automóbiles ás que agora a compañía négase a resarcir, o BNG presentou o pasado venres unha iniciativa no Concello de Cabanas para pedir a solución do conflito.

Porén, ante a gravidade da situación, o BNG, despois de contactar coas persoas afectadas, tanto clientes como persoal, decidiu elevar o problema ao Parlamento Galego, mediante unha proposición non de lei presentada pola voceira de industria do BNG, Noa Presas.

"A situación é gravísima. Motorkar adebédalle varios meses de salario ás 22 persoas despedidas, e hai 40 persoas que adiantaron cartos, nalgúns casos até 28.000€, e que agora ven como Motorkar non cumpre a súa parte do trato, sen entregar os automóbiles ou sen cumprir cos trámites de matriculación", apuntou Iago Varela, voceiro do BNG en
Cabanas.

"A xestión empresarial de Motorkar non se pode calificar doutro modo que como temeraria. As dificultades económicas de empresa eran coñecidas polos seus xestores desde hai máis dun ano, o período que Motorkar leva dilatando a matriculación dos automóbiles das persoas que hai máis tempo que os mercaron, e mentres tanto non fixo nada por evitalo, senón que continuou a súa actividade, deixando de pagar aos traballadores e aumentando o número de persoas afectadas, ao vender automóbiles sabendo que nunca os podería entregar", engadiu Noa Presas.

Porén, a situación aínda podería empeorar, pois Opel e a súa financieira Cetelem, que non se corresponsabilizan do ocorrido, poderían retirar os automóbiles das persoas afectadas das instalacións de Motorkar para cobrar os créditos pendentes desta. "É necesario que Opel se corresponsabilice e que dea unha solución ás persoas afectadas. Non é de recibo que retire uns automóbiles polos que os seus lexítimos donos xa pagaron, nalgúns casos na súa totalidade, polas débedas dun xestor irresponsábel", rematou Varela.

A proposición, aínda pendente de data para o seu debate, solicita ao goberno galego que tome as medidas necesarias para que o persoal cobre os salarios adebedados na súa totalidade, insta a iniciar unha investigación ao Servizo Galego de Consumo e chama á compañía Opel á corresponsabilidade ao respecto da situación xerada.

O BNG leva a situación das persoas afectadas por Motorkar ao Parlamento Galego