O BNG leva ao Parlamento Europeo a situación dos áridos contaminantes depositados en Vilar do Colo

O BNG leva ao Parlamento Europeo a situación dos áridos contaminantes depositados en Vilar do Colo

 

parlamento europeoA portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, vén de presentar unha iniciativa no Parlamento Europeo, a través da coalición “Os Pobos Deciden”, na que se denuncia a situación dos áridos contaminantes depositados ilegalmente pola empresa Manmer nunha parcela situada a carón do polígono de Vilar do Colo, en Cabanas. Así mesmo, na pregunta cuestiónase se a Comisión ten pensado exixir ao Estado o cumprimento da normativa europea, de maneira que ditos refugallos contaminantes sexan retirados e se repoña o chan á situación anterior á súa contaminación.

 

 

“Xa no 2009 advertimos á Comisión do perigo que supuña para o Río Baa o depósito destes materiais asfálticos polo alto risco de verteduras”, sinalou Ana Miranda, quen tamén lembrou que posteriormente, no 2011, volveron levar o tema a Bruxelas ao detectarse nos refugallos sustancias prohibidas, como o alquitrán de hulla, nocivo para o medio ambiente e canceríxeno para a saúde humana.

 

 

Pola súa banda, o concelleiro do BNG en Cabanas, Iago Varela, denunciou a negativa do Partido Popular a dar cumprimento á resolución da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), que o 30 de xaneiro de 2014 recoñeceu a existencia dun problema ambiental e de saúde pública e urxiu á retirada dos refugallos para devolver os terreos ao estado orixinal no prazo máximo de tres meses.

 

 

“Ano e medio despois todo segue igual, e nin a Xunta nin o Goberno Local están a facer nada por poñer fin a este grave problema ambiental” sinalou Varela, quen lembrou que a comezos de setembro o BNG presentou unha proposición non de lei no Parlamento Galego urxindo a dar cumprimento á resolución da APLU, que foi rexeitada cos votos en contra do Partido Popular.

 

O BNG leva ao Parlamento Europeo a situación dos áridos contaminantes depositados en Vilar do Colo