O BNG considera abusivas as tarifas do circuíto de motocross de Vilar do Colo

Táboa de prezos aprobada polo pleno
Táboa de prezos aprobada polo pleno

As tarifas foron aprobadas co voto do PP e AEC. Desde o BNG, tras recoller a opinión das usuarias, voltou rexeitar o convenio coa Consellaría

O BNG considera abusivas as tarifas do circuíto de motocross de Vilar do Colo

No pleno do mes de maio do concello de Cabanas, celebrado o mércores 30, foron aprobadas as tarifas do circuíto de motocross co voto favorable de PP e AEC (6 votos) e a abstención do PSOE (3 votos).

O BNG de Cabanas, tras recoller a opinión dos usuarios do circuíto, posicionouse en contra no pleno ao considerar que estas tarifas son abusivas e non permitirán a viabilidade económica do circuíto, xa que, nas propias palabras dos usuarios, “así non vai ir ninguén”. Ademais, tamén denunciaron que este punto foi aprobado sen ter enviado o goberno municipal o perceptivo informe económico.

Para o BNG de Cabanas, estas tarifas “son o resultado do convenio suscrito para a construción do circuíto, pola cal o concello asume o 100% do mantemento, como xa denunciamos o ano pasado”, explicou o voceiro local, Iago Varela. “Din que estas tarifas tan caras son necesarias para que o circuíto sexa viábel, mais se ninguén o usa tampouco se poderá viabilizar”.

Desde o BNG consideran “unha vergoña” a xestión do circuíto até o de agora, e fanse eco das queixas dos usuarios polos “mareos” aos que os someteu o concello. “Ao final, semella que o único que busca o concello é colgar unha medalla  no ano pre-electoral e que ao pasar as eleccións, se o circuíto pecha por non ser viábel e os usuarios teñen que ir a outro lugar, que así sexa”, expuxo Varela.