O GRUPO DE GOBERNO REXEITOU TODAS AS PROPOSTAS DA OPOSICIÓN

O BNG de Cabanas rexeita os Orzamentos Municipais para 2017

Casa do Concello de Cabanas
Casa do Concello de Cabanas
O BNG de Cabanas rexeita os Orzamentos Municipais para 2017

O pasado día 31 aprobáronse os Orzamentos Municipais de Cabanas para o ano 2017 cos votos de PP e AEC, a abstención do PSOE e os votos en contra de BNG e PDDdG.

O BNG considera que estes non son os Orzamentos que precisa Cabanas, e por iso votou en contra. Estes Orzamentos presentan un gasto corrente absolutamente desproporcionado, cun gasto en alumeado e recollida e tratamento de lixo que supón case o 20% do total do Orzamento. Mentres tanto, a inversión en medidas de carácter social segue a ser irrisoria, xa que o Orzamento só destina 3.600€ (nun orzamento de 2,7 millóns) a Servizos Sociais, e segue sen haber medidas de fomento do emprego. 

Os que segundo o alcalde son “os mellores orzamentos posíbeis” só recollen 3.600€ para servizos sociais

“Non sabemos como o alcalde pode dicir que estes son ‘os mellores orzamentos posibles’ cando só destina 100€ ao ano a axudas para pagar recibos para persoas necesitadas”, declarou o voceiro municipal nacionalista Iago Varela, “con eses 100€ a repartir entre todas as persoas que o necesitan non dá nin para 3 días de auga ao ano por cabeza.”    

Ademais, os Orzamentos aprobados presentan importantes defectos, cunha previsión de ingresos desequilibrada e irreal, que nalgunhas partidas está totalmente inchada, mentres que noutras queda moi por debaixo do que se vén recadando; e deixando fóra varios ítems coma o remanente, que o alcalde di que vai destinar a rematar a segunda fase das obras do Penso e ás indemnizacións para os veciños, cando estes aínda non cobraron as da primeira fase, ou o Plan Único da Deputación, que o goberno municipal exclúe conscientemente para traballar mediante modificativos.

O BNG denuncia tamén as présas, o escurantismo e a falta de diálogo á hora de aprobar os Orzamentos, pois os grupos políticos so tiveron acceso aos mesmos o día 23 de decembro para seren aprobados o 31. “O alcalde díxolle aos medios que tentaron atender as propostas da oposición, pero o que non conta é que nos deu Noiteboa e Nadal para estudar o Orzamento e facer esas propostas e que, unha vez que o BNG fomos os únicos en telas feito, rexeitounas todas na Comisión” explicou Iago Varela.

Ante a falta de diálogo do goberno municipal, o BNG presentou unha serie de emendas para cambiar o destino de 77.000€, baseándose nas propostas feitas pola veciñanza durante as reunións veciñais organizadas polo BNG o pasado novembro, que pedían priorizar servizos sociais, promoción económica e emprego, aforro do diñeiro malgastado polo Concello e algunhas obras importantes.

Así, o BNG propuxo aumentar en 27.000€ a partida de Servizos Sociais, sumando 10.000€ ás axudas directas e 17.000€ ao pago de recibos e aumentando tamén o ámbito desta última para que cubra tamén os recibos de electricidade. Ademais, o BNG propuxo destinar 20.000€ máis á rehabilitación da Escola Laica e 5.000€ máis ao Pavillón de Lavandeira, dedicar 10.000€ a un plan de emprego xuvenil para que a mocidade non teña que emigrar, 5.000€ a promover a Feira do 21 como un espazo para xerar actividade económica na vila, e outros 10.000€ para un estudo de aforro enerxético que permita que o concello aforre na factura da luz e que eses cartos se poidan dedicar a outras cousas en anos vindeiros.

Porén, as emendas non foron apoiadas polo goberno municipal, que as considerou “caprichos”, e, como o resto de propostas da oposición, foron derrotadas na votación cos votos en contra de PP e AEC e a abstención do PSOE. “O goberno municipal, e o PSOE, con esa abstención que non entendemos, perderon unha oportunidade de facer algo mellores uns orzamentos antisociais e que non solucionan os problemas da veciñanza de Cabanas”, declarou Varela.