ESTRADA DO BARREIRO

O BNG de Cabanas denuncia un verquido de fecais na Estrada do Barreiro

O BNG de Cabanas denuncia un verquido de fecais na Estrada do Barreiro

 

No BNG de Cabanas vimos de facernos eco dunha denuncia da veciñanza do Barreiro pola súa preocupación ante a existencia dun verquido de augas fecais procedente dos sumidoiros da Estrada Provincial 1502 (Barreiro), deixando excrementos e outros restos na estrada, ademais dun importante fedor.

 

 

Non é a primeira vez que se producen desperfectos nesta estrada. Como vimos denunciando reiteradamente nos plenos municipais, desde o comezo das obras de instalación de beirarrúas nesta estrada a veciñanza do lugar vén sufrindo diversos problemas, como a falta de seguridade nos pasos de peóns, os frecuentes verquidos de terra ao firme da estrada, a rotura de tapas de sumidoiros (e a súa mala sinalización) ou os problemas coas conducións de auga, pluviais e fecais.

 

 

Ante as nosas denuncias nos plenos, o alcalde refúxiase na titularidade provincial da estrada e obvia moitos dos problemas (como as canalizacións ou os verquidos de terra desde camiños de titularidade muncipal) entran dentro das súas funcións. “Estamos fartas de que o alcalde faga deixación de funcións, e mentres bota balóns fóra e solta os seus discursiños no pleno a veciñanza siga sufrindo a súa nugalla”, dixo o voceiro municipal do BNG, Iago Varela.

 

 

Comprometémonos a pedir explicacións ao alcalde polas súas xestións aos respecto no próximo pleno.