O BNG de Cabanas denuncia o desleixo de Movistar coa localidade e exixe melloras inmediatas 

Cableado tirado ao pé dun poste
Cableado tirado ao pé dun poste

Veciños de Porto estiveron unha semana sen teléfono fixo nin Internet por unha avaría derivada da falta de mantemento das liñas por parte de Movistar, que tamén afectou ás usuarias de outras compañías

O BNG de Cabanas denuncia o desleixo de Movistar coa localidade e exixe melloras inmediatas 

No pleno ordinario de xaneiro, celebrado onte, o BNG fíxose eco da denuncia duns vintecinco veciños de Porto, que hai tres semanas estiveron sete días sen servizo de telefonía fixa nin Internet por mor dunha avaría na rede de Movistar, que tamén presta servizo a outras compañías de maneira indirecta.

“Lonxe de ser casos puntuais, trátase de problemas recorrentes derivados do nulo interese de Movistar por dar soporte á súa rede de cobre”, sinalou Iago Varela, voceiro municipal do BNG na localidade. Varela denunciou que nalgunha zona existen “varios metros de cable tirados nas cunetas”, o que provoca cortes reiterados pola evidente desprotección que sofren estes ante o paso de vehículos ou animais.

Para o BNG é “inadmisíbel” o desleixo da compañía encargada de prestar o servizo universal de acceso a Internet coa localidade e exixe “compromisos inmediatos” para que se inicien os traballos de sustitución da obsoleta rede de cobre pola fibra óptica, tecnoloxía coa que as veciñas de Cabanas poderían desfrutar de velocidades até 1000 veces superiores ás actuais no mellor dos casos.

O BNG tamén exixe ao goberno municipal de PP + AEC a creación dun plan estratéxico para a mellora do acceso a Internet no municipio que poña data á fin da fenda dixital que sofren as veciñas de Cabanas na actualidade.
 

O BNG de Cabanas denuncia o desleixo de Movistar coa localidade e exixe melloras inmediatas