O BNG alédase da dimisión de Germán Castrillón

iago varela - candidato bng cabanas
Iago Varela - Candidato BNG Cabanas

Para o BNG a dimisión de Germán Castrillón como alcalde de Cabanas chega tarde.
O recambio na alcaldía non soluciona os problemas de Cabanas. A única alternativa real, o BNG.

O BNG alédase da dimisión de Germán Castrillón

O BNG de Cabanas alédase da dimisión do alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, comunicada hoxe aos medios de comunicación e que se fará efectiva o vindeiro mércores 27, mais considera que é unha dimisión que chega tarde, pois tería que ter tido lugar o 1 de novembro. "Ese día foi anunciado oficialmente como candidato en Narón, e desde entón pasaron 4 meses nos que Castrillón estivo cobrando como alcalde de Cabanas, sen dimitir nin facer o seu traballo, mentres a súa dedicación principal foi a de facer precampaña en Narón", indicou o voceiro do BNG en Cabanas, Iago Varela. "Preferir presentarse como candidato á alcaldía noutro concello é de por si unha mostra indiscutíbel de desprezo a Cabanas que o debería ter feito dimitir xa naquel momento, mais preferiu aproveitar a oportunidade de ter unha precampaña subvencionada cun soldo público que pagamos os e as cabanesas".

Así, xa no pleno de novembro, desde o BNG presentamos unha moción para que o pleno solicitase oficialmente a dimisión do alcalde, que foi apoiada polo resto da oposición e rexeitada polo bipartito PP-AEC.

BALANCE DE 12 ANOS DESAPROVEITADOS

Para o BNG, Castrillón nunca tivo a cabeza en Cabanas. Nunca empregou a súa posición para defender a veciñanza e os seus intereses ante os "gobernos amigos" do PP na Xunta e no Estado. Durante estes 12 anos de alcaldía só buscou o seu beneficio persoal e o do PP, como demostran o seu desorbitado soldo (30.000€ anuais por 29 horas á semana, dos máis abultados de toda Galiza para alcaldes con dedicación parcial) e un PXOM que impón o modelo de turismo de sol e praia e segunda residencia e que está feito á medida duns intereses que nada teñen a ver cos da veciñanza de Cabanas.

O balance destes 12 anos é pobre, e caracterízase pola inacción. "Durante o goberno de Castrillón, Cabanas caeu na parálise. O que máis nos repite a veciñanza coa que nos reunimos é que o goberno non se move nin fai nada, que Cabanas podería estar moito mellor do que está, que está desaproveitada", indicou Varela.

NECESIDADE DUN CAMBIO REAL

Sexa quen sexa o concelleiro do PP que remate por presentarse a substituír a Castrillón, a actual situación de parálise non cambiaría, pois calquera deles fará unha política continuísta e probablemente teledirixida no pleno por Castrillón (que non dimite como concelleiro). Desde o BNG consideramos que un simple recambio da persoa no sillón da alcaldía non vai solucionar os problemas causados por 12 anos de inactividade do PP, que ademais perseveraron nos erros de modelo dos gobernos anteriores. Para o BNG a solución para os problemas de Cabanas pasa por un cambio real. "Necesitamos un novo goberno que estea ao servizo da veciñanza. Que solucione os problemas e non os cause. Que leve políticas activas que xeren emprego, benestar, cultura... E que, en definitiva, fagan de Cabanas un lugar mellor onde vivir, o que merecemos toda a veciñanza", indicou Iago Varela. "Necesitamos un cambio de goberno en Cabanas canto antes, e a única alternativa ao PP con equipo, proxecto e ideas claras é a do BNG", rematou.

O BNG alédase da dimisión de Germán Castrillón