O BNG TAMÉN VALOR A RESPOSTA DA XUNTA AO TRASLADO DUN DOENTE COVID DESDE O CHUF A LUGO

O BNG presenta iniciativas no Parlamento de Galiza pola situación do Centro de Saúde de Cabanas

Foto BNG
Mon Fernández, Mercedes Tobío e Iago Varela
O BNG presenta iniciativas no Parlamento de Galiza pola situación do Centro de Saúde de Cabanas

O deputado do BNG, Ramón Fernández "Mon", a responsábel portavoz comarcal, Mercedes Tobío e o tenente de alcalde de Cabanas e vicerresponsábel comarcal, Iago Varela; valoraron a resposta da Xunta á pregunta que fixera o BNG sobre derivación dun paciente do “Arquitecto Marcide” ao hospital de Lugo. Ao mesmo tempo, deron conta dunha iniciativa presentada sobre a situación do centro de saúde de Cabanas (adxuntamos iniciativas).

Tarde, mal, e arrastras. Así contesta a Consellaría de sanidade ás preguntas formuladas no seu día polo deputado do BNG Mon Fernández respeito da derivación dun paciente COVID á área sanitaria de Lugo.

O primeiro a salientar é a tardanza na resposta, así como a persistencia na política de ocultación de datos especialmente relevantes no actual contexto como son os relativos aos rastrexadores e ás medidas de prevención entre o persoal sanitario (entre outras).

Os últimos datos sobre a evolución da pandemia na comarca, así como a aparición dun novo gromo no Arquitecto Marcide, reforzan a importancia e a pertinencia das nosas preguntas.

Ven sendo unha constante por parte do persoal sanitario reclamar algo máis que aplausos no que respeita ás súas condicións de traballo, mais no que ten a ver coa prevención é preciso subliñar que o risco de contaxio entre o persoal sanitario implica un plus de perigosidade para calquer doente que teña que ingresar na Residencia, polo que debera ser un asunto da máxima importancia e tratarse con toda a transparencia.

En canto ao rastrexo dos casos é recorrente a petición de información e recorrente tamén a ocultación por parte do Goberno. Quen, como e cando se fai o rastrexo segue a ser un misterio para as persoas usuarias, alén do dereito do Parlamento a ser debidamente informado das actuacións do Goberno.

Cabanas

As políticas dos 10 anos de goberno do Partido Popular dirixidas ao adelgazamento dos servizos públicos en xeral, e moi especialmente, a atención sanitaria, provoca situacións como a que estamos a vivir no Concello de Cabanas, onde existen dúas prazas de persoal médico, estando 1 sen cubrir, e dúas de persoal de enfermaría, estando igualmente 1 sen cubrir.

Esta situación deriva nunha deficiente atención das persoas usuarias moi agravada na actualidade por causa da pandemia da COVID19, así como polas datas, moi esixentes en canto á demanda de atención sanitaria historicamente.

E os mecanismos da Xunta para atender o servizo, enviando persoal a dobrar quenda que ven de realizar o seu traballo en outra unidade, implica asunción de riscos de contaxio que debían evitarse, ademais de ser incoherente coa política de peches perimetrais.

En conclusión, o BNG continuará a esixir o máximo rigor na información por parte da Xunta ás persoas usuarias e ao Parlamento, unha organización da prevención de riscos do persoal sanitario a altura das necesidades, e medidas concretas para mudar estas políticas de recortes constantes que finalmente derivan en deficiencias inxustificables na prestación da asistencia sanitaria.

O BNG presenta iniciativas no Parlamento de Galiza pola situación do Centro de Saúde de Cabanas